Curiosity non é só o nome do laboratorio científico de Marte

imagen

Douvos a benvida, un ano máis, a esta bitácora de actualidade científica. Foi medrando grazas ao traballo, interese e en moitos casos entusiasmo, dos compañeiros e compañeiras que colaboraron nela antes ca vós.

Agora é o voso turno. Sei que algúns vos poredes a publicar axiña. Outros é posible que, ao principio, non saibades moi ben sobre que escribir, mais en canto empecedes a estar atentos ás noticias científicas, veredes que os temas abondan.

Cando busquedes a información que necesitades para os vosos artigos, lembrade que non precisades grandes coñecementos científicos, só curiosidade (curiosity, en inglés).

A mesma que dende a antigüidade converteu aos nosos antepasados en viaxeiros, exploradores e descubridores. A  que nos fixo mirar mesmo cara ao planeta Marte e preguntarnos que habería nel. A que fixo que moitos homes e mulleres desexasen dedicarse á ciencia e permitiu que o pasado 6 de agosto  o robot-todoterreo MSL-Curiosiy pousase dentro do cráter Gale. Alí pasará un ano marciano, case dous anos terrestres, estudando a xeoloxía  dunha extensa zona. Procurará determinar as condicións ambientais que reinaban cando se formaron os materiais que alí se encontran. Busca compostos orgánicos e auga xeada.  Mide os niveis de radiación que chegan á superficie. En fin, investiga todo o que poida estar relacionado coa capacidade do planeta de albergar a vida.

Que a curiosidade vos acompañe!