Moitas especies, un planeta, un futuro.

imagen

Neste 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, non está de máis lembrar que dependemos da natureza para conseguir  todo o que necesitamos para vivir: os alimentos, a auga, ou o aire. Porque nos comportamos como se o tivesemos esquecido. Estamos acadando o límite de explotación da maioría dos recursos. A contaminación que producimos despreocupadamente, alterou a composición da atmosfera ata danar a capa de ozono e aumentar perigosamente a concentración de gases de efecto invernadoiro. Pero, sobre todo, estamos provocando a desaparición acelerada de especies e convertendo este planeta nun lugar inhóspito onde a vida é cada vez máis difícil. Ese é precisamente o lema do día de hoxe: moitas especies, un planeta, un futuro. Se queremos sobrevivir debemos cambiar o noso comportamento actual e recuperar comportamentos máis sostibles. Para empezar, parar a deforestación e a destrución de ecosistemas naturais. Ademais repensar a agricultura, combinando os coñecementos actuais coa antiga sabedoría que conseguía  unha gran cantidade de alimentos, en terreos relativamente pequenos. Por último, aforrar auga. Que vos parece se comezamos a cambiar os nosos hábitos dende hoxe mesmo?

 

Tags: , ,