Pero, quen inventou a bioloxía? Lamarck?
Pois si, foi o naturalista francés Jean-Baptiste de Lamarck. Dixo, máis ou menos, algo así:
”Todo o que é xeralmente común aos vexetais e aos animais, así como tódalas facultades propias de cada un destes seres, sen excepción ,debe constituír o único e amplo obxecto dunha ciencia particular que aínda non está fundada e a que eu lle daría o nome de bioloxía”.
Lamarck foi ademais o primeiro en defender, con base científica, unha teoría da evolución. En 1809, ano do nacemento de Darwin, publicou o libro Filosofía Zoolóxica, no que deu a coñecer as súas ideas. Este naturalista cría que o medio xeraba necesidades, estas necesidades conducían ao desenvolvemento dos órganos utilizados e á atrofia dos non utilizados. Cría tamén que a modificación dos órganos conseguida durante a vida dun individuo transmitíase aos seus descendentes. Coñecedes de sobra a evolución do pescozo das xirafas segundo Lamarck. Poderíades precisar a necesidade que xera o medio neste caso? Como se consegue a modificación do órgano? Que ocorre finalmente con esa modificación?