A concentración de dióxido de carbono na atmosfera bate un novo récord
O cambio climático é, sobre todo, unha consecuencia das emisións de dióxido de carbono á atmosfera. Cada vez que queimamos combustibles fósiles producimos este gas e facemos aumentar o efecto invernadoiro e, como consecuencia, a temperatura do planeta.
No volcán hawaiano Mauna Loa atópase a estación de medición dos niveis de CO2 atmosférico máis antiga do mundo, posta en marcha en 1958 polo xeoquímico norteamericano Charles David Keeling.
Keeling descubriu que a concentración de dióxido de carbono atmosférico estaba sometida a un ciclo estacional: diminúe na primavera e verán debido ao crecemento das plantas no Hemisferio Norte e aumenta no inverno debido á caída das follas. Tamén descubriu que a concentración de dióxido de carbono na atmosfera, aumentaba con rapidez. A representación gráfica dos datos que se recollen nas medicións dá lugar á coñecida como curva Keeling.
Pois ben, o pasado 9 de maio, por primeira vez dende que iniciou o seu funcionamento en 1958, esta estación mediu concentracións de dióxido de carbono superiores a 400 ppm. Nunca antes na historia da humanidade se acadara unha concentración tal alta deste gas. Para encontrar estes niveis de dióxido de carbono atmosférico hai que remontarse ao Plioceno, cando a temperatura do planeta era dous ou tres graos centígrados superior e o nivel do mar estaba 25 metros por riba do actual.
A este ritmo, en poucas décadas, o mundo podería acadar as 450 ppm, un límite que os expertos das Nacións Unidas, e entre estes, os que forman parte do IPCC, consideran que non debemos superar se non queremos expoñernos a un cambio climático de proporcións catastróficas.
Que podemos facer? Para empezar, diminuír as emisións de CO2, e a continuación, desenvolver as tecnoloxías de captura e almacenamento do CO2.
Tags: curva Keeling, IPCC, Mauna Loa