Auga para miles de océanos
Os científicos pensan que unha gran parte da auga que compón os océanos do noso planeta chegou a bordo dos cometas que chocaron contra a Terra durante as súas primeiras etapas de formación. Esta hipótese vese apoiada co recente descubrimento de auga nos discos protoplanetarios da estrela TW Hydrae, que se atopa na derradeira etapa do seu proceso de formación e está rodeada por un disco de pó e gas que rematará por condensarse e dar lugar a un sistema de planetas. Esta estrela atópase a 176 anos luz na constelación Hidra.
Este descubrimento realizado polo observatorio espacial de Herschel, encontrou volumes de auga equivalentes a miles dos océanos da Terra. Para esta investigación votaron man do Instrumento heterodino para infravermello extremo (HIFI), co que detectaron emisións de vapor de auga procedentes do disco que rodea TW Hydrae. Segundo os cálculos dos científicos ese vapor descuberto podería dar lugar a suficientes cristais de auga xeada equivalentes a miles de veces a masa dos océanos da Terra.
Outros descubrimentos recentes realizados coa axuda do HIFI sustentan a teoría de que os cometas transportaron unha porción significativa dos océanos na Terra. Os investigadores comprobaron que o xeo dun cometa chamado Hartley 2 tiña a mesma composición química que os nosos océanos.
Laura Paz e Alicia Rial 1ºA.
Tags: astronomía, auga, estrela, Planeta