A enerxía escura, unha nova realidade
Un estudo realizado a máis de 200.000 galaxias, un dos maiores que se realizaron na historia, confirmou a existencia da enerxía escura. Ata agora foi considerada unha hipotética e misteriosa forza oposta á gravidade e considerada a responsable de que o Universo se expanda cada vez máis rápido. A enerxía escura foi proposta cara a finais dos anos noventa. As primeiras nocións da súa existencia baséanse no estudo de lonxanas supernovas, estrelas a punto de desaparecer que explotan e cuxa luz serve aos astrónomos para calcular a súa distancia da Terra. Pero agora, este novo estudo non só confirma a existencia da enerxía escura, que conforma o 74% do Universo, senón tamén o feito de que é a responsable de que as galaxias se vaian afastando unhas de outras a pesar da súa forte atracción gravitatoria.
Para entendelo mellor, podemos explicar a acción da enerxía escura como se lanzáramos unha pelota ao aire e esta comezara a acelerar no aire, cada vez maís de présa. Para empezar, é unha realidade que cando miramos para o ceo, miramos tamén cara o pasado. E isto é así porque a luz que nos chega das estrelas e galaxias máis remotas non corresponde a como son no instante no que as vemos, senon como eran cando a luz que vemos saíu delas. Desta forma, observando supernovas a distancias moi diferentes pódese calcular (e de feito calculouse) a rapidez coa que esas supernovas se afastan de nós.A investigación levou 5 anos de traballo pero logrou determinar que a enerxía escura é unha forza constante que afecta de maneira uniforme a todo o Universo axudándolle a expandirse de forma acelerada. Os datos foron recollidos polo telescopio espacial GALEX (Galaxi Evolution Explorer) da NASA.O experimento consistiu na elaboración din mapa tridimensional coas máis de 200.000 galaxias, a maior parte delas agrupadas en parellas, observadas polo telescopio GALEX, un instrumento capaz de identificar, polo seu brillo, as galaxias máis novas, as máis adecuadas para esta clase de estudos. O telescopio foi obtendo información detallada sobre a luz desas galaxias e construíndo un patrón cas distancias entre elas. Sábese que como media, a separación entre os dous membros desas parellas galácticas é duns 500 millóns de anos luz.Dende finais dos noventa, a expansión acelerada do Universo é un dos descubrimentos mais desconcertantes realizados polos astrónomos. Agora, gracias a esta investigación, sabemos que a enerxía escura non é unha simple forma de referirse a algo que non podemos explicar senon que existe realmente e é a responsable de cousas que podemos observar.