400 anos despois da publicación de “Sidereus nuncius”.
Benvidos e benvidas, un ano máis, a este lugar que pretendemos seguir enchendo de información e coñecementos sobre o mundo que nos rodea, sobre os problemas ecolóxicos aos que se enfronta a humanidade e sobre o papel da ciencia na procura de solucións.
Esperamos contar pronto coas colaboracións dos novos alumnos e alumnas que acabades de incorporarvos ao noso blogue que axiña será sobre todo voso.
Comezamos o curso intentando situarnos coa maior precisión posible no Universo. Antes de nada, revisamos os atrancos que se atoparon os homes e mulleres que se embarcaron na aventura de estudar o cosmos. Non perdemos de vista que á propia dificultade da tarefa houbo que sumarlle a loita contra o escurantismo, contra a negación da ciencia e contra a oposición a utilización, por parte do ser humano, da súa intelixencia, a súa razón e a súa liberdade para estudar a natureza.
Entre ese homes e mulleres que dedicaron a súa vida ao estudo do Universo está Galileo Galilei. Foi matemático, construtor de telescopios, escritor, en definitiva, un sabio do Renacemento. En abril de 1610, sendo profesor de matemáticas na Universidade de Padua, publicou, en latín, un libriño, un pequeno tratado de astronomía, titulado “Sidereus nuncius”, o mensaxeiro das estrelas. Nel contáballe ao mundo os resultados sorprendentes das súas observacións astronómicas, realizadas coa axuda dos seus telescopios. Con estes aparellos, os mellores da época, observou a superficie da lúa cun detalle descoñecido ata entón, descubriu os satélites de Xúpiter, moreas de novas estrelas, as manchas solares e con elas a rotación do Sol, e acabou convencido de que a Teoría Heliocéntrica de Copérnico era correcta.
Catrocentos anos despois, grazas ao traballo de moitos astrónomos e astrónomas, cada día sabemos máis do Universo , o Sistema Solar quédasenos pequeno e , ás veces, miramos cara a mundos moi afastados que poderían ser habitados polo ser humano. Seremos demasiado optimistas?