Horace de Saussure, Fourier e Arrhenius: pais do efecto invernadoiro

ferrocarril.jpg

Recibimos tanta información diaria sobre o efecto invernadoiro que podemos pensar que se trata dun descubrimento realizado nas últimas décadas do século XX. Porén, foi no século XIX cando a comunidade científica descubriu o papel da atmosfera no mantemento dunha temperatura media, compatible coa presenza da vida tal como a coñecemos, no planeta. Tamén no XIX xurdiron as primeiras voces de alarma sobre as consecuencias que a modificación da composición atmosférica, pola queima de combustibles fósiles, podería ter na temperatura terrestre. 

En realidade os primeiros experimentos sobre o efecto da radiación solar na temperatura do aire realizáronse a finais do século XVIII nos Alpes. Foi precisamente o pai do alpinismo, o científico suizo Horace - Benedict de Saussure, o primeiro en comprobar como os raios solares quentaban o aire do interior dun aparello construído por él  a caixa quente ou heliotermómetro, o antepasado dos paneis solares.

No ano 1824 o matemático francés Joseph Fourier foi o primeiro en comparar a atmosfera da terra coas paredes de vidro dun invernadoiro, utilizando o termo efecto invernadoiro para referirse a retención por parte da atmosfera do calor emitido pola superficie terrestre.

O químico e Premio Nobel de química sueco Svante Arrhenius explicou no ano 1896 o papel do CO2 na retención da radiación infravermella desprendida pola superficie terrestre quentada polo Sol. Tamén foi o primeiro en alertar sobre o perigo do aumento da temperatura do planeta que podían provocar as emisións masivas de  CO2 a atmosfera pola queima de carbón.

 

Tags: , ,