Dous motivos para celebrar o 9 de novembro
Carl Sagan (1934-1996)
Tal día coma hoxe, hai 75 anos, naceu Carl Sagan. Como astrónomo, investigou Venus e Marte e participou en distintas misións espaciais. O disco de ouro, con información sobre o planeta Terra e a humanidade, que levan as Voyager foi deseñado por el. O seu libro “Cosmos” foi o libro de ciencia máis vendido do século XX. A este xenial divulgador científico, creador da serie de televisión Cosmos, lle debemos, tanto os rapaces e rapazas que a principios dos oitenta comezabamos unha carreira de ciencias, como os espectadores e espectadoras sen unha formación específica no tema, a irrupción do coñecemento científico, exposto dunha forma sinxela, nunha televisión na que as seudociencias como a astroloxía e a ufoloxía ocupaban un lugar destacado. Carl Sagan contribuiu a derrubar os muros que se levantan entre a ciencia e a sociedade. Hoxe tamén celebramos a caída, hai vinte anos, do muro de Berlín, unha das últimas feridas abertas da Segunda Guerra Mundial. Anímovos a ver o primeiro capítulo da serie Cosmos e a disfrutar da ciencia contada por Carl Sagan e da música composta por Vangelis.
Tags: Carl Sagan