Educar e presionar contra o Cambio Climático
O aumento da concentración de dióxido de carbono na atmosfera é en boa medida responsable do quentamento global do que dende hai décadas nos veñen alertando os expertos en ecoloxía de todo o mundo. A queima de combustibles fósiles - que constitúen a nosa principal fonte de enerxía - produce a emisión de inxentes cantidades deste gas a atmosfera, aumentando o efecto invernadoiro. A nosa dependencia dos combustibles fósiles é practicamente absoluta. Ata tal punto que a enerxía procedente das fontes de enerxía renovables, como a eólica ou a solar fotovoltaica súmase á procedente do petróleo, gas natural e carbón pero está moi lonxe de poder substituíla. A maioría da nosa riqueza, a produción de alimentos, a nosa economía en xeral, depende pois dunhas fontes de enerxía que, ademais de non seren renovables e estaren, polo tanto, destinadas a esgotarse máis cedo ou máis tarde, están alterando o clima do planeta ata límites críticos para a supervivencia da humanidade. Os nosos hábitos de consumo, o noso modo de vida, mesmo os valores imperantes na nosa sociedade dificultan a solución do problema. Sabemos de sobra que, dende que se detecta un gran problema medioambiental, ata que a opinión pública se fai consciente da súa importancia e os responsables políticos toman as decisións necesarias para atallalo, pode pasar moito tempo. Entón, que podemos facer? Educar e presionar. Educar á poboación e presionar aos políticos para que, dunha vez por todas, afronten o problema do Cambio Climático e para que do Cume de Copenhague saian por fin compromisos sólidos para frear este cambio antes de que sexa demasiado tarde.
Tags: Copenhague